Ollo dende a fiestrao anoitecer laranxa
e semella a luz
baixo a que as nosas faces
se acariñaban suorentas,
como calor de lanterna acesa durante horas,
os teus beizos pousándose
suaves na miña fronte,
a túa lingua bebendo
as pingas salgadas
das miñas pálpebras,
a túa espalda rodeada
polas miñas pernas,
as nosas pupilas,
tan preto, case intercambiando
a perspectiva das olladas
de salouco en salouco.
Enchimos o cuarto de cores cálidas
xemido a xemido,
traspasamos as sabas
bágoa a bágoa,
atravesamos as formas
bico a bico.
Boto en falta a calor do teu corpo en min,
tan dentro como as espiñas que se aferran aos dedos
cando alguén quebra un talo con forza, sen mirar.
As noites foron e serán nosas mentres os corpos se anhelen.



