lunes 21 de septiembre de 2009

Lugo sen ti


Nas mañás lucenses, cando non estás,
unha luz azul penetra
os pequenos ocos das persianas
soprando golpes de aire
que enfrían as sabas
ata espertar a casa enteira.

O leite,tamén frío.
A auga da ducha,fría.
As puntas dos pés que
percorren o chan de madeira, frías.
A roupa, fría tamén.

De súpeto, a túa voz,
ao outro lado do auricular,
quente.
Desprende vapores que visitan
os cuartos enchéndoos de cor
e abre paso ao sol do novo día.

jueves 3 de septiembre de 2009

...

Shhh!Apagade as luces...

sen pechar as pálpebras

seguindo a túa estela quente

marcho con pés nús

co ímpeto de regar todos os lugares

entre as nosas pernas.

E fundo os pés na terra laranxa.


Presentábaste tan lonxe, coma unha imaxe sagrada no altar

dos asexos escuros, grandioso, intocable.

E preto de min

tantos mundos,

tantos universos

que percorrer coa xustiza

que me ensinaches,

que está nos teus ollos.


O mel que as abellas zugan

non se consegue nun día,

os esforzos son duros e constantes,

mais aí está, ante os nosos ollos, entre nós,

envolvendo cada paso que damos.

lunes 8 de septiembre de 2008

HOME

Respirarte na humidade das toallas
que gardan o recendo das túas curvas e rectas,
atoparte en cada unha das enrugas
que debuxou a túa suor nas sabas
que cobren o noso paraíso rectangular,
lembrarte nas pingas de auga quente
que esvaran bañeira abaixo, nos azulexos, no plástico da cortina.

Podo pintar imaxes no aire
con cada suspiro que fai exhalar
a ausencia do teu corpo:
A lentitude dos teus dedos
deténdose nuns poros entregadamente abertos,
a suavidade dos teus beizos
tocando lixeiramente os bordos dunha lingua seca,
a traxectoria das túas mans
agarimando unha cabeza cuberta de cabelo,
de muller ou gata ás veces.

Non coñezo máis verdade
que a que proxecta
a cor verde mariña dos teus ollos
e desprende o teu sexo famento de entrega.

A miña soidade non pesa
porque enches cada recuncho deste fogar, home,
coa túa presencia de home ausente.

martes 8 de julio de 2008

Boneca

Unha noite deitouse sen poder durmir. Cravou os ollos no teito e viu reflectidos os medos que agardaban adormecidos que ela os espertase. Aquelas paredes se converteran nunha gaiola con barrotes de óxido cubertos dunha fina capa dourada que a facía parecer resplandecente; no os tiña rabuñado coas súas unllas, pero sabía o que se agochaba tras daquella brillante apariencia. Sentía como partían da súa médula espinal os brotes dunhas ás que querían voar moi lonxe de onde se atopaba, así que se ergueu da cama para non regresar xamais.

miércoles 4 de junio de 2008

Días de sol

Antes que os raios do sol se converteran
no bocexo que adormece os grilos
e apaga a luz das farolas,
abría a fiestra co sorriso
de quen admira o resplandor
da auga do mar a miles de kilómetros
da ribeira, inmersa nun soño
de soidade pretendida.

Saudaba ao día facendo debuxos no ar
cos seus asubíos de cores
mentres cruzaba o limiar da porta
cun feixe de ilusións baixo as pestanas
que alumeaba o seu olleiroso rostro.

Observaba con esperanza o gris
co que as nubes tinguían
os meses, un tras outro,
estirando o pescozo
con todas as súas forzas
na busca dun camiño limpo
fóra daquel rastro de fume.

Cada pedra na gorxa quebráballe
a cuberta dos órganos
abrindo fendas incurables
que consumían vorazmente
a súa triste delicadeza.

Saiu unha noite a chorar á chuvia
as súas desgrazas
e esvarou na lama que cubría o chan
que tantas veces percorreran os seus pés nús.
O frío sorbíalle o alento lentamente
buscando extinguir o ardor
que lle fluía dos ollos.

Exhausta, deitouse na terra e mesturou
as bágoas co barro que a cubría.
Como unha cadela, lambeu as feridas
agardando cicatrices
e xurouse a si mesma
non acabar coa súa vida na escuridade.

jueves 22 de mayo de 2008

A destrución ou o amor

Viviamos inspirando o cheiro
do fluxo dos bosques,
rastrexando as células xerminais
que poboan os terreos fértiles
coa humidade do Outono.

Pasabamos as horas coidando nomes
que dar ás apariencias das nubes
ao tempo que aloumiñabamos as herbas
coas mans cubertas de terra
examinando con precisión a súa superficie.
Calquera figura sen nome parecía
boa para cimentar soños
a través de susurros infinitos
entre os nosos beizos quentes de mel virxe
ata chegar a noite.

Non había estrelas que prometer
porque ficaba cuberta
polo manto nocturno
que deitabas sobre min
coa delicadeza con que a figueira
bota os froitos fóra.

Co paso do tempo decateime
de que as palabras non compensan os actos
e comecei a abrir un buraco
na cerna da touza con ansia carnívora.
E é dende aquela coveira invisible
máis alá das nosas transparencias
que construímos as varridas do sol
nun leito segredo de liberdade
cando ninguén dorme.

miércoles 21 de mayo de 2008

Os meus poros despiden fluídos
como esporas na busca do aroma do sexo
que farte os seus instintos naturais.


Un contacto que elimine o espazo
creado pola mestura de suor
entre dúas almas que se aman
alén dos límites físicos.


As efixes que creamos cos nosos moldes
gustarían de penetrarse mutuamente
as cavidades máis profundas
ata traspasarnos as vísceras.
Percorrerían cada palmo da pel do outro
ata sorbernos calquera rastro líquido
que puidese producir a nosa materia viva.
Disporían a súa descomposición en fíos
que entretecer ata cadrelar unha corda irrompible.
Derramarían o seu sangue
por pasar a eternidade nunha cela impenetrable
ata convertila no noso niño de liberdade
a cambio de non se separar xamais.


Os nosos corpos... Necesidade mutua.