
Na túa ausencia,
quería chuchar as pingas de auga
do brión que medra nos muros
como ti lambes as bágoas
que penduran das miñas pestanas en cada despedida,
lamber o breixo rosado que cobre a superficie
das rochas do monte
do mesmo xeito no que ti sorbes
os vértices dos meus peitos,
sorber o salitre
que adorna os corais mariños
de igual maneira que ti zugas
as pingas de suor que esvaran pola miña caluga ,
zugar a sarabia das pólas núas
nos outonos das acacias
da forma en que ti o fas
coa saliva dos meus beizos.
Soñaba con recolectar
as flores das xestas
para pintar de amarelo o noso leito,
coleccionar vagalumes
que decorasen o noso ceo
con luz tenue polas noites,
tosquiar rabaños enteiros
para tecer un edredón
que amparase o teu corpo do frío.
Ansiaba coller paos
e coser follas de palmeira
para fabricar parasoles
que protexesen os teus ollos
dos raios do sol,
espremer os froitos dos acivros
cos meus dentes
e regalarche o seu zume
coa lingua cando sentises sede,
repartir pétalos de magnolias
sobre os camiños empedrados
para que non mancases
os teus pés descalzos,
soprar aos dentes de león
e ser quen de controlar o vento
debuxando figuras no aire cos seus lóbulos,
ensiñarche o significado
da dozura no teu padal
esquilmando enxames coas miñas mans.
Soñaba en ti toda a natureza porque en toda a natureza véxote a ti.