soñaron con converterme
nun ser diminuto, invisible,
imperceptible para todas as olladas,
con mergullarme nunha perspectiva diferente
onde a soidade sería sempre ben achada...
Pasear polo medio das herbas da fame
sen deixar recendo nin pegada
que seguir na miña marcha.
Ter un contacto mínimo co aire
e descansar nos pétalos suaves
das flores que medran a carón do chan,
esas que se esmagan cando un vai correndo
polos prados nun día de sol radiante.
Cruzar os charcos en follas de nogueira
coidando de saltar nas pedras das beiras
para non mollar os pés con auga sucia.
Levar ao lombo as lembrazas,
como fan os caracois,
acompañada polo ritmo
do camiñar laborioso das formigas.
Abanearme nos talos febles
mentres adormezo coa nana
do bater de ás das xoaniñas.
Sentar na envoltura seca das sementes
e deitarme nos buratos interiores das cabazas
para seguir a soñar
que son pequena e inapreciable.
No hay comentarios:
Publicar un comentario