sábado, 24 de noviembre de 2007

Orballo

Humedécesme como os vermes
que fecundan a carne dos froitos
rompendo o silenzo onde os corvos
peteiran corazóns esgazados ao aire libre.

Cada canto da miña masa
brúa na procura desesperada
do vapor que desprende a túa materia
ao tempo que a néboa penetra no interior das farolas
escachando as lámpadas.

Escuridade nas rúas
mentres a miña lingua borda en ti formas abstractas.
Lambes o punto de unión das miñas pernas
rociando o seu interior
con pequenísimas barbullas salgadas
e agrado que o día aprace a súa chegada
suplicándolle unha tregua
en tanto que extingo os sabores das túas substancias
satisfacendo a miña sede.

miércoles, 21 de noviembre de 2007

aire deshabitado

Eu amábate en todos os lugares
desertos onde habita a soidade.

Gustábame andar sen rumbo
nas prazas baleiras pola noite,
pasear afundindo os pés na area
fría das praias en inverno,
agarrar con forza
os peitorís metálicos dos portos,
deitarme na herba verde
dos xardíns abandonados,
sentarme nas pedras dos muros
dos castelos en ruinas…
Sempre acompañada do teu recordo.

Esperaba no penúltimo chanzo da escaleira
dous días de cada sete
que me acariñaras de lonxe coa túa ollada
mentres metías as chaves na porta
tentando abrila con esforzo.

Despois de 3 horas,
ansiaba percorrer as falanxes dos teus dedos
cos meus dentes.
Agardaba a humidade do teu alento nas coxas,
a mestura dos teus susurros
coas pequenas ás de bolboreta
que habitaban o meu ventre.

Ti tinguías o ceo de cores cálidas
cada vez que me amabas
nos leitos de palla branca.
Penetrabas a miña natureza
cunha semente descoñecida cada vez.
Regabas os meus beizos
co teu mel transparente
de cana de azucre.


Todo para rematar
e comezar de novo nun devezo…
Devezo de ti…
Un devezo continuo
de liñas rectas e curvas
esculpindo formas inflamables.

martes, 13 de noviembre de 2007

lembranzas

Non adiviño qué clase de conexión
establecemos ti e mais eu coa natureza.
A facilidade coa comprimimos
nun mesmo movemento
e exhalamos nun salouco
todas as nosas sensacións.
Cómo podemos reclamar
á chuvia cos nosos corpos
facendo que se presente de súpeto,
empaparnos e teñamos que saír correndo
como parte dun xogo de dous nenos no patio dun colexio.

Tropezar contigo buscando
a colocación de letras de cancións sobre notas musicais
que noutro tempo soaban dun xeito distinto.

Atoparte e atoparme
colgando nun tendal de soños infinitos
cada un dos versos de poemas
que antes de ti tiñan outro significado.

Cear espaguetis ás catro da mañá,
facer da ducha unha terma,
refuxiarme dos morcegos entre os teus brazos,
entender outra cousa cando se pronuncia a palabra “cama”,
ser capaz de ignorar os ruidos, a xente
e o resto do mundo
por un intre só con escoitarte
e afundir nos teus ollos
para seguir a encher o meu álbum con lembranzas...

lunes, 12 de noviembre de 2007

Senso

Nunca o dixen, pero fixéchesme atopar
o verdadeiro significado das palabras.
Sentir as verbas letra a letra
navegando en min,
paseando polos meus recantos
e deixando neles todas as tonalidades
que a Primavera fai estalar nas flores.

Podería subir ata as nubes
e cubrir o ceo cun tapiz
suxeito por alfileres
cheo de imaxes e momentos
só por arrincar na túa face un sorriso.

A túa felicidade enche as miñas veas
dun sangue novo cada vez
que flúe con tanta forza
que fai palpitar os meus órganos
desaforadamente, case devecendo por saír fóra.

O teu simple recordo
desata en min unhas ansias tan salvaxes
como a violencia coa que a hedra
penetra nas pedras desfacendo os muros.

Desexo de vida.
Iso aprendín de ti:
un guía que me descubriu
os segredos dos instintos
entre postas de sol e amenceres
a través do lente do seu calidoscopio máxico.

domingo, 11 de noviembre de 2007

fogueira

Noite amarela.
As estrelas baleiraban a súa luz
nas túas pupilas anhelantes
mentres ollabas o meu corpo
membro a membro
e quentabas cada parte sen tocala,
proxectando nel os teus desexos
a través dos ollos.


Todo era escuridade arredor de nós,
pero as nosas peles reflectían
un matiz dourado e cálido
como chama de vela
no medio do leito.


Consumímonos un noutro durante horas
sofocando a fogueira
cos nosos líquidos de cando en vez
ata deixar as nosas cinzas desprendendo fume
co primeiro raio de sol que escorregou
entre os ocos das persianas.

viernes, 9 de noviembre de 2007

Descoñecido

É curioso.
Apenas coñecía de ti os ruxidos
que emites ao tempo que arremetes contra min,
pero admiraba profundamente
a sensibilidade coa que acariñas os bordes
das páxinas dos teus libros
mentres te observo
con ollos de nena
dende o marco da porta.

O tempo pasou,
e non hai noite que me deite
con outra imaxe na miña mente…
o teu amplo sorriso.


É certo que ás veces a miña soidade
me empurra a ansiar
uns brazos que me aperten
mentres morre unha bágoa
na miña lingua,
pero sempre son os teus.
Sempre ti.

Non hai día que non pense
por qué a fortuna me fixo o agasallo
de tropezarmos no mesmo camiño.

Agradezo a seguridade
coa que apertas a miña man
cando camiñas ao meu carón
nos meus momentos difíciles
e a confianza que depositas en min
cando me fas partícipe dos teus atrancos.


Pero segues a ser ese descoñecido
que me adicou un sorriso canso
entre táboas de madeira que rexían con pasos
e catro paredes escuras.
O mesmo ó que biquei nos beizos
con sabor a cervexa
unha noite na que non agardaba nada
e rematei por emborrachar de ti.

E agora non quero máis.

Non quero máis que os teus ruxidos descoñecidos,
a sensibilidade de descoñecido coa que acariñas,
o teu amplo sorriso de descoñecido,
os teus brazos descoñecidos,
a seguridade descoñecida coa que apertas a miña man
e a confianza de descoñecido que depositas en min.