lunes, 8 de octubre de 2007

feridas

Escoito as notas falsas
das cordas de violín
que irradia o meu corazón,
desafinadas como laios
de cadela adoecida
pola dor da derrota nas costas,
mentres agardo que as tenses
consumida en desexos da túa carne
ata os mesmos ósos.

Ás veces arrepíntome
do momento no que cho regalei
"para que fixeras del canto quixeras",
díxenche.

Gustaríame arrincarcho das mans
e metelo nunha caixa,
na mesma pequena caixa
oxidada e cuberta de pó
na que gardo os máis bonitos recordos
acolchados entre pétalos de orquídeas
coma un tesouro.

E pechalo cun enorme e pesado cadeado,
e tirar a chave
ao fondo enfanguentado dun profundo pozo
para que ninguén o vira.

E deixalo alí,
afastado de calquera realidade
que puidese ocasionar
máis danos nos seus tecidos.

Desprenderse
de calquera estímulo
que poida ocasionar
a mínima lesión interna.

Non pensar. Non sentir...

No hay comentarios: