martes, 25 de septiembre de 2007

Disfruto incluso dos sons
que enchen o baleiro dos teus silenzos,
mentres a túa man esvara
por algunha zona branda
do meu corpo nu.

Os primeiros despuntes de luz
enfocan a cama,
que semella un escenario
onde deterse na intensidade
do seu preciso desorde.

Os restos das nosas tiras de pel espallados
empapan parte das sabas,
a marca dos meus dentes
deixa un claro sinal na almofada,
cabelos soltos fan formas que casan co colchón...


Non agardo máis de ti
que o impulso natural inconsciente
que axita os resortes como unha tempestade,
que fai bater a cabeceira contra a parede,
que lía teas en complicados nós,
que esgota as luces artificiais co seu movemento
ata recibir o día.

Non quero máis de min:
sorber a fatiga
das pingas da túa fronte,
gravar debuxos coas mans
na túa espalda incandescente,
entrelazar membros
esculpindo estatuas imposibles,
exprimir os teus líquidos
ata mesturalos cos meus,
e lamber as túas feridas
mentres este vínculo perdure.

No hay comentarios: