Mostrando entradas con la etiqueta Contos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Contos. Mostrar todas las entradas

martes, 8 de julio de 2008

Boneca

Unha noite deitouse sen poder durmir. Cravou os ollos no teito e viu reflectidos os medos que agardaban adormecidos que ela os espertase. Aquelas paredes se converteran nunha gaiola con barrotes de óxido cubertos dunha fina capa dourada que a facía parecer resplandecente; no os tiña rabuñado coas súas unllas, pero sabía o que se agochaba tras daquella brillante apariencia. Sentía como partían da súa médula espinal os brotes dunhas ás que querían voar moi lonxe de onde se atopaba, así que se ergueu da cama para non regresar xamais.

miércoles, 21 de mayo de 2008

Almorzos

Almorzo solitario con tostadas e manteiga. Non me explico por que no teu frigorífico nunca hai manteiga; encántame. Sempre cho digo, mais nunca me lembro de mercala.
Gústame espertar entre as túas sabas de algodón porque a mesa non se fai inmensa e réstalle importancia ao almorzo. En realidade, non me importa demasiado almorzar tostadas con marmelada de fresa se podo ollar o teu pixama de raias azul ao borde da cociña mentres botas cola- cao ás tazas.

viernes, 28 de marzo de 2008

paquete postal

Chaman ao timbre: "soy la cartera, te dejo aquí un paquete".
Un paquete! Canto tempo había que non recibía ningún!
Abro a porta e escoito o son que emite un obxecto medianamente
pesado ao caer.
Baixo embatada as escaleiras con excitación e atopo alí o paquete. Subo correndo de novo observando os trazos das letras do meu nome, os trazos que saíron da túa man.
Manipulo o paquete e doulle voltas e máis voltas. Apértoo fortemente contra o peito antes de decidir abrilo.
O feche está duro e a miña falta de paciencia
remata por rachar o plástico amarelo do sobre.
No interior, restos da miña vida diaria: a miña axenda e dúas tabletas de pastillas. Continúo a buscar. Rebusco no sobre entre o plástico con boliñas de aire na procura de palabras dirixidas a min.
Denso suspiro e os meus dedos respostan instintivamente liberando o aire preso das boliñas de plástico...