viernes, 26 de octubre de 2007

insomnio

Hoxe descanso coa imaxe do roce dos teus dedos,
pero mañá deitarei os meus desexos xunto aos teus
entre fíos que faremos nosos a base de desaugarnos.
Poñerémolos fronte a fronte
coa intención de que as nosas pálpebras
non se pechen máis que para acompañar
a collida de novos alentos
que desprenderán sons intelexibles
fóra da roupa da cama.

Íspeme limpa de todo o que poida
interferir entre as nosas formas
derretidas unha noutra
e óllame enteira de ti,
cuberta do mel que fabricas co traballo das abellas
para cubrir o meu corpo coas túas pegadas
de cabalo desbocado.

Modela a miña silueta de barro quente
ao teu antollo coa única formalidade
de unir os nosos bafexos
en suspiros tan exactos
que dilaten as dimensións da atmosfera
ata fender as nubes.

Descarga en min todas as forzas
que resista a túa carne
húmida de fatiga e conforto
como os embates que a auga revolta
ceiba na rexeza dos acantilados.


E por fin ofértame o teu peito
suave de talos, herbas e follas
para que expire nel o cansanzo
de entregarme a ti na eternidade dun intre.

No hay comentarios: