martes, 31 de julio de 2007

sorrisos


Esquece todo o que dixemos...
Non é preciso falar.
Só quero un pequeno aparte
onde pousar a miña cabeza
sobor do teu peito
e escoitar os febles latexos do teu corazón
cando me apeteza facelo.
Non quero feridas onde no as hai.
Non quero tristezas onde non existen.
E cando canses ou canse da túa compaña,
simplemente sorrir, sorrir e lembrar
todas as cousas compartidas
nas que tantas paixóns
verquimos un e outro.
Sentarmos á sombra de calquera árbore, xuntos,
agachando as nosas peles desta calor húmida e incesante
e non pensar. Sentir. Sorrisos.

viernes, 15 de junio de 2007

raios de sol


Cada milímetro do meu corpo

agarda mollo en suor e inquedo

o bater do teu xunco nas ondas do meu van.


Anhelo dos teus dentes

apreixando a miña meixela

mentres unha bágoa de salitre detense na miña lingua.


O cuarto garda o espesor dun fumadoiro de opio

e non hai auga que extinga esta calor vermella

que empurra ás nosas figuras a navegar nese mar inmenso de desexos innomeables.


E abandonas o meu ventre

deixando nel raios de sol a cada paso que das

para atopar quentura cando volvas.


E atas as miñas mans á almofada

para deixalas apalpando os recordos da noite

entre a humidade das sabas.


E outra vez resisto o último bico

apertando ben os beizos

para evitar que me saia o corazón pola boca.

domingo, 3 de junio de 2007

Voar


Tecer fíos coas túas mans

e enredar o tempo con trenzas do meu cabelo.

Un fío que acurtase os kilómetros

que me impiden amosar o devezo que esconden as miñas pupilas.


Estirar cada segundo que compartimos

ata facelo infinito.


Cando nos ollamos o meu tempo detense

e non logro pensar noutra cousa que a eternidade

que agachan os nosos corpos cando se funden nun,

as nosas peles uníndose en desexos derretidos

como velas que se consumiron por momentos

coa velocidade dun misto que prende,

sensación de hedra que penetra en min

e estende as súas raíces ata chegar ó meu ventre,

enchendo a miña boca de pétalos.


E pousas sobor de min a túa lingua de bolboreta

inxectando nas miñas veas o néctar que consegue que voe entre nubes.

A miña felicidade era unha pomba branca engaiolada que non saía do seu gris encerro.

Fixéchesme voar, tan alto, que xa non quero voltar a poñer os pés na terra mentres ti estés.

martes, 29 de mayo de 2007

herba mollada


Aliméntome da cor clara das túas olladas,

dos tenros movementos dos teus beizos,

do sentir ás veces impreciso e fugaz

das xemas dos teus dedos,

da túa saliva, que se verte

como gotas de chuvia na miña boca sedenta.


Cada xesto, cada palabra,

cae como orballo morno sobor da miña pel,

que se desflora núa ante ti

e móllame, empápame as extrañas

de apoxeos incesantes

onde sinto nacer a herba.



Entre as túas caricias de tálamo

é imposible non pensar no significado da felicidade.

domingo, 27 de mayo de 2007

Resaca



Chuvia.

Gotas que esvaran nos cristais

facéndome lembrar a suor da última noite.


A última apalpada de mans desafabadas

que se buscan e rematan por se atopar nun asento gris.


O último bico anubado de degoro

nas linguas enlazadas como trelo de rede.


A última encrucillada entre os nosos ollos

enxenebrados de non durmir.


O último sorriso cargado de doce cansanzo

entre présas.




Último desbote de desexo entre nós

agardando o próximo impulso.

jueves, 24 de mayo de 2007

Flora inabarcábel




Doume a ti, toda enteira.


Regáloche cada palmo da miña carne


para que poidas pintar nela retallos de raíces imperecedeiras coa túa lingua.




Boca que desprende bolboretas


que zoan bordando suspiros no aire.




Perderme no teu corpo absoluto,


disfrutar dos teus ollos inacabables,


beber o doce zume dos teus beizos.




Percorrer o teu contorno coas miñas mans


facendo das nosas formas caricias de enredadeiras que estalan en flor.






Paixón infinita. Amor libre.

miércoles, 23 de mayo de 2007

Area


Silenzo branco...

Unha forte luz que acariña a miña face mentres me preocupo de non pensar...

Sinto. Só sentir.

Sentir de vento que trae aroma de auga salgada.

Ansias dun corpo que comparta esas sensacións,

que poder cubrir de area ó meu carón.

Desexo de mollar os peus xuntos aos teus e dar paseos interminábeis,

de percorrer praias e praias que non rematen nunca,

de ver a túa man obsequiándome cunchas de cores...

Devecer de caricias nas dunas,

nas rochas, nas augas...


Anhelo da túa presenza, sen máis.