Aquela noite amordazaron á lúa.
Un exército de bestas con ansias carnívoras
tinxiron de vermello e gris a escuridade nocturna
mentres os ollos limpos desfacíanse en cristais
que punzaban a quietude do silenzo.
Botaron escadas de ferro contra os muros
e os seus instintos necrófagos penetraron
as alcobas intoxicando os pulmóns
cos seus bafos putrefactos.
Os berros afogaban nas gorxas
ao tempo que sentín as linguas de sapo
rodeándome os pulsos.
Nun esforzo de apertar de pestanas
imaxinei a túa man
coas súas zarpas fedorentas atravesándome o fígado.
Permanecía viva cando
os seus dentes como cravos
inxectaban óxido no meu colo branco
e unha morea de vermes famentos
devorávanme as vísceras.
Acalaron o rumor da herba revolta
apuñalando cada tramo de terra
que varrían co seu paso.
Pero eu deixei un rastro de amor
que buscar entre a cinza dos meus ósos.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario