domingo, 23 de marzo de 2008

fogar

Eu, como os coellos, buscaba matogueiras
onde construír tobos
mentres os aloumiños descoñecidos
desfacíanse en promesas que esvaraban
nos colchóns alimentando
a ferruxe dos somieres.

Unha noite húmida, de súpeto,
chegaron as túas man nidias
e impregnaron as sabas
deixando restrebas de quentor doce
coa fragancia do teu corpo
en todas as camas.

Elas amosáronme a beldade
que se agocha na auga turbia
dos charcos,
aprendéronme a afundir as mans
na carriza das pozas
para acariñar a suave textura
da pedra,
ensináronme que a orixe das emocións
parte do embigo en fíos invisibles
que se prolongan ilimitadamente,
amáronme envolvendo formas núas
co refugo das materias que nacen
da terra,
convertendo en leitos poéticos
os rincóns dos presebes.

E así entendín que podo sustentarme
coa vida que flúe dos teus beizos,
que es quen de nutrir
as miñas carencias e esperanzas
coas substancias que segregas
do xeito en que os paxaros embican ás crías.

Cesarei na procura dun cubil
onde ocultar os meus afectos
das olladas que esbrugan
a franqueza das paixóns que habitan
os azos puros,
contemplarei con calma a caída das pingas
nas raíces sedentas reflectida nas túas pupilas
dende o oco quente do teu regazo.

No hay comentarios: