viernes, 28 de marzo de 2008

paquete postal

Chaman ao timbre: "soy la cartera, te dejo aquí un paquete".
Un paquete! Canto tempo había que non recibía ningún!
Abro a porta e escoito o son que emite un obxecto medianamente
pesado ao caer.
Baixo embatada as escaleiras con excitación e atopo alí o paquete. Subo correndo de novo observando os trazos das letras do meu nome, os trazos que saíron da túa man.
Manipulo o paquete e doulle voltas e máis voltas. Apértoo fortemente contra o peito antes de decidir abrilo.
O feche está duro e a miña falta de paciencia
remata por rachar o plástico amarelo do sobre.
No interior, restos da miña vida diaria: a miña axenda e dúas tabletas de pastillas. Continúo a buscar. Rebusco no sobre entre o plástico con boliñas de aire na procura de palabras dirixidas a min.
Denso suspiro e os meus dedos respostan instintivamente liberando o aire preso das boliñas de plástico...

domingo, 23 de marzo de 2008

fogar

Eu, como os coellos, buscaba matogueiras
onde construír tobos
mentres os aloumiños descoñecidos
desfacíanse en promesas que esvaraban
nos colchóns alimentando
a ferruxe dos somieres.

Unha noite húmida, de súpeto,
chegaron as túas man nidias
e impregnaron as sabas
deixando restrebas de quentor doce
coa fragancia do teu corpo
en todas as camas.

Elas amosáronme a beldade
que se agocha na auga turbia
dos charcos,
aprendéronme a afundir as mans
na carriza das pozas
para acariñar a suave textura
da pedra,
ensináronme que a orixe das emocións
parte do embigo en fíos invisibles
que se prolongan ilimitadamente,
amáronme envolvendo formas núas
co refugo das materias que nacen
da terra,
convertendo en leitos poéticos
os rincóns dos presebes.

E así entendín que podo sustentarme
coa vida que flúe dos teus beizos,
que es quen de nutrir
as miñas carencias e esperanzas
coas substancias que segregas
do xeito en que os paxaros embican ás crías.

Cesarei na procura dun cubil
onde ocultar os meus afectos
das olladas que esbrugan
a franqueza das paixóns que habitan
os azos puros,
contemplarei con calma a caída das pingas
nas raíces sedentas reflectida nas túas pupilas
dende o oco quente do teu regazo.

domingo, 9 de marzo de 2008

raiola

Uns raios tristes traspasan
tímidamente os vidros
proxectando a súa feble intensidade
sobre as figuras inservibles que adornan
estanterías repletas de libros
baleiros de palabras e cubertos de pó.

As murchas raiolas poñen en relieve
trazos sensibles que lixan
páxinas en branco con desexos azuis.

Eu quixera un sol de inverno
que dese vida ás ansias
agochadas baixo a tinta
ata cuspilas ousadamente

e mutilar a tristura que oprime
a calor e a humidade da terra
que revolve as túas mans
para regalarme caricias ao lonxe.


Quixera que o meu cabelo
coincidise cos teus dedos
en cada golpe de vento
que envías cos beizos
para afastar as miñas bágoas,

derreter o asfalto que dilata
a distancia que ameaza con desmembrar a nosa vontade.

miércoles, 5 de marzo de 2008

saqueo

Aquela noite amordazaron á lúa.
Un exército de bestas con ansias carnívoras
tinxiron de vermello e gris a escuridade nocturna
mentres os ollos limpos desfacíanse en cristais
que punzaban a quietude do silenzo.

Botaron escadas de ferro contra os muros
e os seus instintos necrófagos penetraron
as alcobas intoxicando os pulmóns
cos seus bafos putrefactos.
Os berros afogaban nas gorxas
ao tempo que sentín as linguas de sapo
rodeándome os pulsos.
Nun esforzo de apertar de pestanas
imaxinei a túa man
coas súas zarpas fedorentas atravesándome o fígado.
Permanecía viva cando
os seus dentes como cravos
inxectaban óxido no meu colo branco
e unha morea de vermes famentos
devorávanme as vísceras.

Acalaron o rumor da herba revolta
apuñalando cada tramo de terra
que varrían co seu paso.

Pero eu deixei un rastro de amor
que buscar entre a cinza dos meus ósos.