sábado, 12 de mayo de 2007

Soños...


Ás veces, só por un intre, soñamos con descansar,

con descubrir un lugar oculto e afastado onde deitarnos,

lonxe dos cravos que baten contra as nosas pálpebras

cuspindo duras realidades...


Pechar os ollos e agardar a doce aireixa da calma

que acariñe a nosa pel

coa suavidade das polpas que fan medrar as flores das cerdeiras.


Eu atopei o acougo nos teus ollos,

no percorrer do meu corpo cos teus dedos,

na apertura da túa boca en cada un dos teus sorrisos.


Unha illa á que cheguei núa e exhausta,

entre restos de naufraxio,

e á que agardo voltar

para escoitar o seu latexo

apoiando a miña face entre terra húmida...

No hay comentarios: