domingo, 23 de marzo de 2008

fogar

Eu, como os coellos, buscaba matogueiras
onde construír tobos
mentres os aloumiños descoñecidos
desfacíanse en promesas que esvaraban
nos colchóns alimentando
a ferruxe dos somieres.

Unha noite húmida, de súpeto,
chegaron as túas man nidias
e impregnaron as sabas
deixando restrebas de quentor doce
coa fragancia do teu corpo
en todas as camas.

Elas amosáronme a beldade
que se agocha na auga turbia
dos charcos,
aprendéronme a afundir as mans
na carriza das pozas
para acariñar a suave textura
da pedra,
ensináronme que a orixe das emocións
parte do embigo en fíos invisibles
que se prolongan ilimitadamente,
amáronme envolvendo formas núas
co refugo das materias que nacen
da terra,
convertendo en leitos poéticos
os rincóns dos presebes.

E así entendín que podo sustentarme
coa vida que flúe dos teus beizos,
que es quen de nutrir
as miñas carencias e esperanzas
coas substancias que segregas
do xeito en que os paxaros embican ás crías.

Cesarei na procura dun cubil
onde ocultar os meus afectos
das olladas que esbrugan
a franqueza das paixóns que habitan
os azos puros,
contemplarei con calma a caída das pingas
nas raíces sedentas reflectida nas túas pupilas
dende o oco quente do teu regazo.

domingo, 9 de marzo de 2008

raiola

Uns raios tristes traspasan
tímidamente os vidros
proxectando a súa feble intensidade
sobre as figuras inservibles que adornan
estanterías repletas de libros
baleiros de palabras e cubertos de pó.

As murchas raiolas poñen en relieve
trazos sensibles que lixan
páxinas en branco con desexos azuis.

Eu quixera un sol de inverno
que dese vida ás ansias
agochadas baixo a tinta
ata cuspilas ousadamente

e mutilar a tristura que oprime
a calor e a humidade da terra
que revolve as túas mans
para regalarme caricias ao lonxe.


Quixera que o meu cabelo
coincidise cos teus dedos
en cada golpe de vento
que envías cos beizos
para afastar as miñas bágoas,

derreter o asfalto que dilata
a distancia que ameaza con desmembrar a nosa vontade.

miércoles, 5 de marzo de 2008

saqueo

Aquela noite amordazaron á lúa.
Un exército de bestas con ansias carnívoras
tinxiron de vermello e gris a escuridade nocturna
mentres os ollos limpos desfacíanse en cristais
que punzaban a quietude do silenzo.

Botaron escadas de ferro contra os muros
e os seus instintos necrófagos penetraron
as alcobas intoxicando os pulmóns
cos seus bafos putrefactos.
Os berros afogaban nas gorxas
ao tempo que sentín as linguas de sapo
rodeándome os pulsos.
Nun esforzo de apertar de pestanas
imaxinei a túa man
coas súas zarpas fedorentas atravesándome o fígado.
Permanecía viva cando
os seus dentes como cravos
inxectaban óxido no meu colo branco
e unha morea de vermes famentos
devorávanme as vísceras.

Acalaron o rumor da herba revolta
apuñalando cada tramo de terra
que varrían co seu paso.

Pero eu deixei un rastro de amor
que buscar entre a cinza dos meus ósos.

viernes, 1 de febrero de 2008

flor

O inverno trouxo frío e silenzo.
Non deixou oportunidade á herba para medrar
e as árbores doíanse das placas
que facían aterecer a súa suor de savia entre a cortiza.

Pero saía da casa descalza e
afundía as mans no xeo
na busca das flores dos chícharos.
Arrastraba os pés mancados
entre a humidade da terra e as follas caídas
mentres os fíos dos talos abrían un pouco máis
as feridas dos dedos tentando filtrar
un restrollo de tristeza no sangue quente.
Non as atopaba.

Pero saía da casa.
Retiraba a xeada dos cercados de leña
na procura das pequenas flores
que ás veces nacen enriba do lique.
Cravaba as unllas febles nas vetas da madeira
mentres as estelas toscas danaban un pouco máis
as cutículas esfoladas.
Non as atopaba.

Pero saía da casa.
Metía os brazos nos ocos fríos das pedras
agardando rescatar as flores que embelecen
a soidade das enredadeiras.
Rabuñaba os pulsos coas estalactitas
que se forman no interior dos cubís
mentres magullaba un pouco máis
os cóbados nos cantos dos muros.
Non as atopaba.

Pero saía da casa.
E unha mañá o sol saiu deixando un rastro descuberto
de flores mortas ao seu paso.

sábado, 26 de enero de 2008

Frío



Saio da casa, xeada.
Nos arredores da biblioteca, xeada.
A cama baleira, xeada.
O corazón, cuberto de xeada...

viernes, 18 de enero de 2008

Pintor

Óllame ben.
Non hai parte da miña anatomía
que rexeite as túas humidades.

Arelo con impaciencia de egua temerosa
o surco intenso do teu pincel sensible
anegando a sede das miñas cavidades,
o cromado do meu corpo branco
con liñas que mesturen as cores cálidas do arco iris,
o bater de brochadas que impriman nas miñas costas
a sucesión harmónica dos teus murmurios,
a acuarela que tinxa de azul a escuridade
que separa as ondas do meu cabelo,
a inxección de témpera que tatúe
as pingas da túa suor como ferro candente,
traspasando os músculos.

Ti fas medrar no meu peito
a cor vermella dos froitos da silva nos meses de inverno.

lunes, 14 de enero de 2008

Libre

Sinto a chamada da terra nas coxas.

Os meus ollos só ansían atopar a verdade,
afastar de min as linguas de serpe
que resoan promesas sucias nos meus tímpanos,
abrir a boca e deixar que a suor
das nubes nubes tristes de inverno
escorregue pola miña gorxa.

Cuspir savia nas feridas e
substituír por zume de froita
o sangue que contamina as miñas veas,
adornar os peitos con plumas de laverca e
cubrir o corpo cun traxe de enredadeira,
espigas e lama.

Esquecer as palabras e aprender
a linguaxe coa que as flores abren os seus pétalos
facendo arrubiar a sensibilidade dos prados.

Non necesito mans que me agarimen,
brazos que me aperten
nin pernas nas que enredar as miñas;
conténtome con regar coas miñas bágoas
as raíces dos carballos.

Non agardo máis sorrisos
que os que debuxan os paxaros
na esteira do seu voo.