viernes, 1 de febrero de 2008

flor

O inverno trouxo frío e silenzo.
Non deixou oportunidade á herba para medrar
e as árbores doíanse das placas
que facían aterecer a súa suor de savia entre a cortiza.

Pero saía da casa descalza e
afundía as mans no xeo
na busca das flores dos chícharos.
Arrastraba os pés mancados
entre a humidade da terra e as follas caídas
mentres os fíos dos talos abrían un pouco máis
as feridas dos dedos tentando filtrar
un restrollo de tristeza no sangue quente.
Non as atopaba.

Pero saía da casa.
Retiraba a xeada dos cercados de leña
na procura das pequenas flores
que ás veces nacen enriba do lique.
Cravaba as unllas febles nas vetas da madeira
mentres as estelas toscas danaban un pouco máis
as cutículas esfoladas.
Non as atopaba.

Pero saía da casa.
Metía os brazos nos ocos fríos das pedras
agardando rescatar as flores que embelecen
a soidade das enredadeiras.
Rabuñaba os pulsos coas estalactitas
que se forman no interior dos cubís
mentres magullaba un pouco máis
os cóbados nos cantos dos muros.
Non as atopaba.

Pero saía da casa.
E unha mañá o sol saiu deixando un rastro descuberto
de flores mortas ao seu paso.

No hay comentarios: