sábado, 23 de enero de 2010

Metafísica



Esquece todo.

Apaga as luces.

Desconecta os aparatos electrónicos.


Hoxe, nós. Non quero escoitar falar

de filosofía nin de teatro.

Hai filosofía e teatro dabondo

nos corpos que se entenden

sen necesidade de emitir algún tipo de son

de tintura humanamente recoñecible.


Escribamos tratados de metafísica

co alento só.

No aire, no chan, contra a parede.

Sexamos quen de parir obras de arte

fixando formas escultóricas efémeras;

tracemos frescos que se desfiguran

repregándose sobre si;

vomitemos poesía en cada son rouco

que se desprende das mesmas gónadas.


Aspiremos o recendo de amor puro

que semella xerminar destas catro paredes

cando o mundo non importa

e non somos máis que un ideal

alleo

illado

afastado de pensamentos racionais

de reflexións trascendentais

acerca do sentido da vida.


Só ti e eu.

Unha habitación.

Amor.

Pessoa.

jueves, 21 de enero de 2010

nome propio

Onte buscaba, entre libros, un nome que darche.
Intentaba bosquexar na miña mente un rostro de home
que non agocha nada,
pero os teus trazos aparecían por todos os recunchos.

Non tes nome e tes todos os nomes:
compañeiro, amante, amigo, servo, dono,
mestre e aprendiz, descoñecido, familiar…

Gardas en ti unha fábrica de historias que contar,
que construír,
das que facer os planos.

En calquera lugar,
non importa altitude, latitude, temperatura.

Sempre esquecemos a localización no mapa,
porque chegamos aos sitios para facelos NOSOS,
describindo labirintos nas pedras,
nas augas e nas nubes que sorrín a cada zancada que damos,
volvendo polos nosos pés á tobeira primeira,
pero deixando abertas moitas outras que ocupar,
ás que regresar antes de seren preciso
sacar os fíos con que enmaraña o paso do tempo.

Enténdeme, o que eu quero non é vencer as horas:
é debullar cada segundo
en pequenos intres de vida compartida,
inda na distancia.

Porque se hei de perder o alento
quero que sexa ao teu carón,
engatando os cumios máis elevados que se viron nunca,
que nin sequera existen
fóra da talasocracia que comunica o teu pensamento co meu.

Ausencias

É certo que ás veces, cando marchas,
deixas unha sensación de abandono tras de ti.
Un bafo de aire frío cobre os lugares onde antes estiveches
cun aspecto de falso Nadal,
con tarxetas de tinta invisible que proclaman un “volvo axiña”.

Pero sempre volves.
E a espera faise eterna ao pensar no xeo das estradas,
nas vidas que se perden e nas felicitacións que non volverán
ser escritas.

Quero sobrepoñerme ao medo a non verte de novo,
a habitar un espazo que non ten sentido sen ti,
á covardía de non entregarme completamente á felicidade.

Mais non deixo de mirar a néboa e preguntarme... onde estarás?
O meu pensamento diríxese unicamente a agardar o son do timbre,
un e longo,
e abrir a porta para descubrirte unha vez máis
nesa claridade que desprenden os teus ollos e o teu sorriso.

É este egoísmo de estar sen ti o que me consume,
o lastre que teño que superar cando estou soa na casa.
Oes? Só cando estou soa na casa.