martes, 25 de septiembre de 2007

Disfruto incluso dos sons
que enchen o baleiro dos teus silenzos,
mentres a túa man esvara
por algunha zona branda
do meu corpo nu.

Os primeiros despuntes de luz
enfocan a cama,
que semella un escenario
onde deterse na intensidade
do seu preciso desorde.

Os restos das nosas tiras de pel espallados
empapan parte das sabas,
a marca dos meus dentes
deixa un claro sinal na almofada,
cabelos soltos fan formas que casan co colchón...


Non agardo máis de ti
que o impulso natural inconsciente
que axita os resortes como unha tempestade,
que fai bater a cabeceira contra a parede,
que lía teas en complicados nós,
que esgota as luces artificiais co seu movemento
ata recibir o día.

Non quero máis de min:
sorber a fatiga
das pingas da túa fronte,
gravar debuxos coas mans
na túa espalda incandescente,
entrelazar membros
esculpindo estatuas imposibles,
exprimir os teus líquidos
ata mesturalos cos meus,
e lamber as túas feridas
mentres este vínculo perdure.

lunes, 17 de septiembre de 2007

Baleira sen ti

Teño nostalxia das túas sabas molladas,
do rubor que envolve o cuarto
mentres sinto no lombo
o teu bafo de xemidos ancestrais
como sons dos homes primitivos
cando afundes en min.

Ata os espellos súan pingas
de chuvia que non viu o mundo
e que desatamos
aínda en busca de lume.

Traspasámonos máis alá
dos tempos e dos espazos
e non son quen de atopar camiños
que me leven a outros corpos
dende que preñaches o meu van
con pasifloras que non pechan.

Esta enredadeira que asolaga
os meus órganos
calma a súa sede cos teus fluídos,
perségueos, búscaos
coma unha cadela famenta en celo.


E quixera ser quen de moldear
pedras coas mans
para así levantar un templo perfeito
onde lembrar a entrega do amor
das nosas formas espidas,
e non ter que converter os seus arredores
nun camposanto sen visitas
onde agochar os teus recordos.

viernes, 7 de septiembre de 2007

olladas

Detívenme nos teus ollos
e sinto que o absoluto das cousas
sempre estivo aí, dentro deles.

E penso que non hai mar en calma
onde mollar os pés,
nin lúas cheas
que amosen formas reflectidas,
nin luz que alume
más alá das túas pupilas.
E querería mecerme nelas
cando non teño folgos
para enfrontarme á vida,
e desexaría surcalas
na miña balsa decadente
cando non teño forzas
para continuar os pasos invisibles
que marca o meu destino.

E gustaríame deter
a miña ollada na túa
e sabela eterna
cando o mundo xira
entorno a min a velocidades inasibles.

E ser quen de calcetar
unha manta coas túas pestanas
baixo a que poder descansar no teu regazo.

miércoles, 5 de septiembre de 2007

raíces

En cada bico estendes a túa lingua
pola gorxa como raíces de árbore milenaria
que queren destrozar a terra e saír fóra.

Crávase nos músculos
abrindo fendas nos meus membros,
rabuña as miñas entrañas
facendo que se desfagan en follas
esparcidas polas nubes
que gardan as gotas de suor nas que nos desfixemos.

Atrancamos os camiños
cos matos que saían das nosas bocas entre caricias
e convertímolos en bouzas intransitables
nas que conservar o nosos instintos.

Enfiamos o aire co perfume das nosas peles enchoupadas en profundos desexos.

calor

Ollo dende a fiestra
o anoitecer laranxa
e semella a luz
baixo a que as nosas faces
se acariñaban suorentas,
como calor de lanterna acesa durante horas,
os teus beizos pousándose
suaves na miña fronte,
a túa lingua bebendo
as pingas salgadas
das miñas pálpebras,
a túa espalda rodeada
polas miñas pernas,
as nosas pupilas,
tan preto, case intercambiando
a perspectiva das olladas
de salouco en salouco.

Enchimos o cuarto de cores cálidas
xemido a xemido,
traspasamos as sabas
bágoa a bágoa,
atravesamos as formas
bico a bico.

Boto en falta a calor do teu corpo en min,
tan dentro como as espiñas que se aferran aos dedos
cando alguén quebra un talo con forza, sen mirar.

As noites foron e serán nosas mentres os corpos se anhelen.

martes, 4 de septiembre de 2007

Busca

Os meus pés percorren cada tramo de terra perseguindo o rastro da humidade do teu corpo
á busca dun terreo enfanguentado
onde poder tender o meu físico decomposto
alumeado pola lúa,
tantas veces testemuña do noso xeito de amar.

As feridas abertas polas pedras nos xeonllos,
os cóbados desfeitos de arrastrarse pola herba,
as mans cheas de chagas
por remover o barro que agocha o teu olor,
onde poder afundir o meu nariz,
respirar a túa suor
e vivir unha noite máis do teu recordo.

As ráfagas de vento morno
traen lembranzas de carne da túa espalda
baixo as miñas unllas.
Ansío o contacto da miña boca co teu colo,
a sensación de saliva no meu sexo
e o os sons dos meus xemidos na túa orella.

Nas escuridade atopo e volven a min as gañas.

Esta noite déitome co teu recordo.