viernes, 15 de junio de 2007

raios de sol


Cada milímetro do meu corpo

agarda mollo en suor e inquedo

o bater do teu xunco nas ondas do meu van.


Anhelo dos teus dentes

apreixando a miña meixela

mentres unha bágoa de salitre detense na miña lingua.


O cuarto garda o espesor dun fumadoiro de opio

e non hai auga que extinga esta calor vermella

que empurra ás nosas figuras a navegar nese mar inmenso de desexos innomeables.


E abandonas o meu ventre

deixando nel raios de sol a cada paso que das

para atopar quentura cando volvas.


E atas as miñas mans á almofada

para deixalas apalpando os recordos da noite

entre a humidade das sabas.


E outra vez resisto o último bico

apertando ben os beizos

para evitar que me saia o corazón pola boca.

No hay comentarios: