lunes, 15 de octubre de 2007

sinto...

Tarde de ollar
o teito da habitación
e convertilo nun lenzo
onde ver reflectidos recordos...

Unha arañeira desfeita
colga da parede.
Móvese en círculos
sacudida polo vento
e de cando en vez
semella que vai quebrar,
pero é máis forte que todo iso.
Seino porque eu tamén tezo fíos
que aparentan ser febles
e rematan por soportar
cargas tan pesadas
como as bágoas
que fabrican os meus lacrimais
cando me gaña o pulso
o sentimento de botarte de menos.

Entón pecho os ollos con forza
e imaxino…
Imaxino as túas mans
medindo o meu corpo poro a poro
mentres alivias as miñas augas
coa túa lingua
entre promesas silenciosas
que quererían falar
dende os afogados berros
que atrancan a miña gorxa.

E lembro a túa suor
mesturándose coa miña
en ríos que traspasan o colchón
ata inundar cuartos enteiros
convertendo as camas
en balsas sen rumbo
que non agardan atracar
en ningún porto
ata que o son da sirena
anuncie que chegou
de novo a hora da despedida
e deixes de rodearme cos teus brazos.

E penso en libar
o perfume das nosas paixóns
das túas glándulas salivais
cando os teus beizos
expelen a humidade manifesta
dun desexo máis irrefreable
que os torrentes que arrincan
árbores enteiras ao seu paso.



Sei que ás veces non me comprendes.
Fas o esforzo e gustaríache poder facelo:
meter os teus dedos
entre os botóns da miña blusa
e tocarme a peito aberto
para descubrir
qué clase de segredo
gardan as miñas pupilas sangrantes.
Pero eu só quero abrir a boca
preto da túa orella
e enchela de flores
ata desbordala.
Regalarche cantigas con ela,
porque o meu amor é tan valente
que podería fundir
os canóns de todos os tanques
que fabricou o home.

E quizais algún día espertes
e entendas que ti engraxas
os mecanismos que fan
que o meu corazón latexe.

1 comentario:

Anónimo dijo...

"... He aquí, yo me decía, el rostro del amor,
El auténtico rostro.
Seductores, algunos; esos siempre seducen,
Los otros sobrenadan."

Michel Houellebecq