viernes, 26 de octubre de 2007

insomnio

Hoxe descanso coa imaxe do roce dos teus dedos,
pero mañá deitarei os meus desexos xunto aos teus
entre fíos que faremos nosos a base de desaugarnos.
Poñerémolos fronte a fronte
coa intención de que as nosas pálpebras
non se pechen máis que para acompañar
a collida de novos alentos
que desprenderán sons intelexibles
fóra da roupa da cama.

Íspeme limpa de todo o que poida
interferir entre as nosas formas
derretidas unha noutra
e óllame enteira de ti,
cuberta do mel que fabricas co traballo das abellas
para cubrir o meu corpo coas túas pegadas
de cabalo desbocado.

Modela a miña silueta de barro quente
ao teu antollo coa única formalidade
de unir os nosos bafexos
en suspiros tan exactos
que dilaten as dimensións da atmosfera
ata fender as nubes.

Descarga en min todas as forzas
que resista a túa carne
húmida de fatiga e conforto
como os embates que a auga revolta
ceiba na rexeza dos acantilados.


E por fin ofértame o teu peito
suave de talos, herbas e follas
para que expire nel o cansanzo
de entregarme a ti na eternidade dun intre.

lunes, 22 de octubre de 2007

forza de mar

Areixa mariña
que dilata os poros ata facelos inmensos
mentres as nosas pupilas
adquiren o tamaño da lúa chea.

O son da auga xeada
que penetra nas rochas
marca o impecable compás
que seguimos en cada pulo.

Cavo nichos na area
onde soterrar palabras
que non quero esquecer,
tan profundos que o sangue
que escoa polas miñas mans
tínxeos do vermello da posta do sol.

Busco unha táboa que me impida
naufragar nas túas profundidades
e rescatar o pouco que quedará de min
no teu recordo despois da marusía.

jueves, 18 de octubre de 2007

Outono

Abro a fiestra e de súpeto
un aire frío penetra no cuarto
enchéndoo de olor a outono.

As follas tambaléanse nas árbores
coa melancolía da que gozan
as despedidas nas estacións de autobuses.

As primeiras gotas de chuvia caen tímidamente
coa resignación da volta a algo xa coñecido
e os veciños comezan a agochar a roupa
nos tendais das galerías interiores.

As xentes camiñan polas rúas
sen establecer direccións claras
e resulta difícil atopar un sorriso
baixo as bufandas e os colos altos.

A lembranza de cancións con notas murchas
fainos achar de menos cousas que non temos
desexando que pasen dúas estacións de golpe
ata ver de novo o florecemento das cerdeiras.

A alegría semella hibernar mentres xogaba ás escondidas,
pero agarda, cautelosa, poñernos a proba,
acollida en veas que aparentan conxeladas
polo frío con que nos azoutan os novos ventos.


A miña felicidade non entende
de estacións nin de temperaturas.

Ti fas que os meus beizos
esbocen sorrisos todo o ano...

lunes, 15 de octubre de 2007

sinto...

Tarde de ollar
o teito da habitación
e convertilo nun lenzo
onde ver reflectidos recordos...

Unha arañeira desfeita
colga da parede.
Móvese en círculos
sacudida polo vento
e de cando en vez
semella que vai quebrar,
pero é máis forte que todo iso.
Seino porque eu tamén tezo fíos
que aparentan ser febles
e rematan por soportar
cargas tan pesadas
como as bágoas
que fabrican os meus lacrimais
cando me gaña o pulso
o sentimento de botarte de menos.

Entón pecho os ollos con forza
e imaxino…
Imaxino as túas mans
medindo o meu corpo poro a poro
mentres alivias as miñas augas
coa túa lingua
entre promesas silenciosas
que quererían falar
dende os afogados berros
que atrancan a miña gorxa.

E lembro a túa suor
mesturándose coa miña
en ríos que traspasan o colchón
ata inundar cuartos enteiros
convertendo as camas
en balsas sen rumbo
que non agardan atracar
en ningún porto
ata que o son da sirena
anuncie que chegou
de novo a hora da despedida
e deixes de rodearme cos teus brazos.

E penso en libar
o perfume das nosas paixóns
das túas glándulas salivais
cando os teus beizos
expelen a humidade manifesta
dun desexo máis irrefreable
que os torrentes que arrincan
árbores enteiras ao seu paso.



Sei que ás veces non me comprendes.
Fas o esforzo e gustaríache poder facelo:
meter os teus dedos
entre os botóns da miña blusa
e tocarme a peito aberto
para descubrir
qué clase de segredo
gardan as miñas pupilas sangrantes.
Pero eu só quero abrir a boca
preto da túa orella
e enchela de flores
ata desbordala.
Regalarche cantigas con ela,
porque o meu amor é tan valente
que podería fundir
os canóns de todos os tanques
que fabricou o home.

E quizais algún día espertes
e entendas que ti engraxas
os mecanismos que fan
que o meu corazón latexe.

lunes, 8 de octubre de 2007

feridas

Escoito as notas falsas
das cordas de violín
que irradia o meu corazón,
desafinadas como laios
de cadela adoecida
pola dor da derrota nas costas,
mentres agardo que as tenses
consumida en desexos da túa carne
ata os mesmos ósos.

Ás veces arrepíntome
do momento no que cho regalei
"para que fixeras del canto quixeras",
díxenche.

Gustaríame arrincarcho das mans
e metelo nunha caixa,
na mesma pequena caixa
oxidada e cuberta de pó
na que gardo os máis bonitos recordos
acolchados entre pétalos de orquídeas
coma un tesouro.

E pechalo cun enorme e pesado cadeado,
e tirar a chave
ao fondo enfanguentado dun profundo pozo
para que ninguén o vira.

E deixalo alí,
afastado de calquera realidade
que puidese ocasionar
máis danos nos seus tecidos.

Desprenderse
de calquera estímulo
que poida ocasionar
a mínima lesión interna.

Non pensar. Non sentir...