miércoles, 22 de agosto de 2007

contacto

Sorbíschesme a carne
coma quen zuga restos de carozo de froita,
carne tenra de corazón descomposto
por penas que arrastraba ata chegar ás túas mans.


Roubáchesme o olor
coma quen palpa unha flor entre as mans
ata quitarlle o aroma,
fragancia murcha que fixeches espertar entre os teus brazos.


Bebíschesme a savia morna
de entre as pernas febles
coma quen extrae gotas de auga
dunha fonte seca nun lugar deserto ata os teus húmidos beizos.


Sentir de caricias. Fundir de apreixos. Notar de bicos.

E penso que o meu corpo sempre estivo aí...
agardando atoparse co teu entre salucos infinitos.

martes, 21 de agosto de 2007

ás...


Abrir ben os ollos.
Non voltar a vista atrás.
Ollar firme cara adiante
e camiñar con pisadas fortes.


Tomar aire e separar

as pequenas partículas

de osíxeno puro de todo

o aire revolto que segue a entrar nos pulmóns.




Deixar que nazan plumas


de entre as miñas costas sangrantes


e formen ás que me leven moi lonxe,


que me axuden a retornar


á estela das pegadas


que me conducían a Ítaca


cando aínda era consciente do seu significado,


de que o importante non era chegar.




Voar moi moi alto,


como tantas veces nos meus soños,


sen sentir a vertixe do medo á vida,


observando a terra dende as alturas


sen expermientar o pánico de quen non coñece o lugar ó que se dirixe.


Gardar distancia cos raios do sol


para non queimar as ilusións


que aínda me quedan;


evitar os golpes de vento


que poidan rasgar


as miñas esperanzas.






Voar... respirar... sentir...

soterrando restos de tristeza.