Viviamos inspirando o cheiro
do fluxo dos bosques,
rastrexando as células xerminais
que poboan os terreos fértiles
coa humidade do Outono.
Pasabamos as horas coidando nomes
que dar ás apariencias das nubes
ao tempo que aloumiñabamos as herbas
coas mans cubertas de terra
examinando con precisión a súa superficie.
Calquera figura sen nome parecía
boa para cimentar soños
a través de susurros infinitos
entre os nosos beizos quentes de mel virxe
ata chegar a noite.
Non había estrelas que prometer
porque ficaba cuberta
polo manto nocturno
que deitabas sobre min
coa delicadeza con que a figueira
bota os froitos fóra.
Co paso do tempo decateime
de que as palabras non compensan os actos
e comecei a abrir un buraco
na cerna da touza con ansia carnívora.
E é dende aquela coveira invisible
máis alá das nosas transparencias
que construímos as varridas do sol
nun leito segredo de liberdade
cando ninguén dorme.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario