viernes, 15 de junio de 2007

raios de sol


Cada milímetro do meu corpo

agarda mollo en suor e inquedo

o bater do teu xunco nas ondas do meu van.


Anhelo dos teus dentes

apreixando a miña meixela

mentres unha bágoa de salitre detense na miña lingua.


O cuarto garda o espesor dun fumadoiro de opio

e non hai auga que extinga esta calor vermella

que empurra ás nosas figuras a navegar nese mar inmenso de desexos innomeables.


E abandonas o meu ventre

deixando nel raios de sol a cada paso que das

para atopar quentura cando volvas.


E atas as miñas mans á almofada

para deixalas apalpando os recordos da noite

entre a humidade das sabas.


E outra vez resisto o último bico

apertando ben os beizos

para evitar que me saia o corazón pola boca.

domingo, 3 de junio de 2007

Voar


Tecer fíos coas túas mans

e enredar o tempo con trenzas do meu cabelo.

Un fío que acurtase os kilómetros

que me impiden amosar o devezo que esconden as miñas pupilas.


Estirar cada segundo que compartimos

ata facelo infinito.


Cando nos ollamos o meu tempo detense

e non logro pensar noutra cousa que a eternidade

que agachan os nosos corpos cando se funden nun,

as nosas peles uníndose en desexos derretidos

como velas que se consumiron por momentos

coa velocidade dun misto que prende,

sensación de hedra que penetra en min

e estende as súas raíces ata chegar ó meu ventre,

enchendo a miña boca de pétalos.


E pousas sobor de min a túa lingua de bolboreta

inxectando nas miñas veas o néctar que consegue que voe entre nubes.

A miña felicidade era unha pomba branca engaiolada que non saía do seu gris encerro.

Fixéchesme voar, tan alto, que xa non quero voltar a poñer os pés na terra mentres ti estés.