lunes, 8 de septiembre de 2008

HOME

Respirarte na humidade das toallas
que gardan o recendo das túas curvas e rectas,
atoparte en cada unha das enrugas
que debuxou a túa suor nas sabas
que cobren o noso paraíso rectangular,
lembrarte nas pingas de auga quente
que esvaran bañeira abaixo, nos azulexos, no plástico da cortina.

Podo pintar imaxes no aire
con cada suspiro que fai exhalar
a ausencia do teu corpo:
A lentitude dos teus dedos
deténdose nuns poros entregadamente abertos,
a suavidade dos teus beizos
tocando lixeiramente os bordos dunha lingua seca,
a traxectoria das túas mans
agarimando unha cabeza cuberta de cabelo,
de muller ou gata ás veces.

Non coñezo máis verdade
que a que proxecta
a cor verde mariña dos teus ollos
e desprende o teu sexo famento de entrega.

A miña soidade non pesa
porque enches cada recuncho deste fogar, home,
coa túa presencia de home ausente.