Antes que os raios do sol se converteran
no bocexo que adormece os grilos
e apaga a luz das farolas,
abría a fiestra co sorriso
de quen admira o resplandor
da auga do mar a miles de kilómetros
da ribeira, inmersa nun soño
de soidade pretendida.
Saudaba ao día facendo debuxos no ar
cos seus asubíos de cores
mentres cruzaba o limiar da porta
cun feixe de ilusións baixo as pestanas
que alumeaba o seu olleiroso rostro.
Observaba con esperanza o gris
co que as nubes tinguían
os meses, un tras outro,
estirando o pescozo
con todas as súas forzas
na busca dun camiño limpo
fóra daquel rastro de fume.
Cada pedra na gorxa quebráballe
a cuberta dos órganos
abrindo fendas incurables
que consumían vorazmente
a súa triste delicadeza.
Saiu unha noite a chorar á chuvia
as súas desgrazas
e esvarou na lama que cubría o chan
que tantas veces percorreran os seus pés nús.
O frío sorbíalle o alento lentamente
buscando extinguir o ardor
que lle fluía dos ollos.
Exhausta, deitouse na terra e mesturou
as bágoas co barro que a cubría.
Como unha cadela, lambeu as feridas
agardando cicatrices
e xurouse a si mesma
non acabar coa súa vida na escuridade.
miércoles, 4 de junio de 2008
Suscribirse a:
Entradas (Atom)